
O Foro Social da Mariña organiza unha conferencia coloquio titulada Transporte, Mobilidade e Accesibilidade na Mariña: Situación e alternativas. Celebrarase este venres, día 19 de xuño, ás 20 horas no salón de actos do CENIMA de Foz e terá como ponente a Miguel Pazos Otón, profesor titular de xeografía humana da Universidade de Santiago de Compostela, integrante do grupo de investigación ANTE (análise territorial) e do IDEGA.
O Foro Social da Mariña anuncia que a conferencia versará sobre cuestións como “A Mariña funciona como unha cidade lineal de 70.000 habitantes repartidos pola costa, con ramificacións cara o interior; na actualidade existen importantes carencias no eido do transporte, mobilidade e accesibilidade; estas eivas afectan á mobilidade tanto cara e desde o resto do territorio galego como á propia vertebración interna da grande comarca da Mariña; cómpre repensar o modelo, outorgando máis importancia ao fomento da accesibilidade aos servizos básicos que demanda a cidadanía; para iso as infraestruturas de transporte e a mobilidade sostible deben ser as ferramentas a empregar; análise da situación actual do transporte, mobilidade e accesibilidade na Mariña de Lugo”.


