Foz celebra a Romaría do Bispo Santo desde este venres, 15 de maio, ata o domingo 17

A Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncian que colaboran cos organizadores da Romaría do Bispo Santo, que se celebrará desde este venres, 15 de maio, ata o domingo 17 en Mourente, no municipio de Foz.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou durante a presentación do programa “a vixencia dunha tradición con máis de 300 anos de antigüidade, que se transmite de xeración e xeración e segue a ser un dos eventos máis populares da Mariña”.

A asociación cívico-cultural Bispo Santo deu a coñecer as actividades previstas, “entre as que destaca o apartado musical; o venres actuarán as orquestras Show M3 e Origen; o sábado, o Grupo Sensación e Panorama City; e o domingo Los Satélites e Festicultores. Tamén haberá propostas para os máis pequenos, como o espectáculo infantil de Pulpiño Viascón. Os actos arrancaron o pasado día 10 co pregón do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o traslado da imaxe de San Gonzalo ata a capela do monte da Grela. Rematarán o domingo 24 co regreso da talla á basílica de San Martiño de Mondoñedo e a misa final”, engade a Xunta de Galicia.

A deputada provincial de Cultura, Iria Castro, participou na presentación deste evento que organiza a Asociación Cívico Cultural Bispo Santo de Foz, que mantén unha celebración popular con máis de 380 anos de historia.

O acto celebrouse na área recreativa, onde se instalaron xa as casetas nas que familias e grupos de amigos disfrutarán da romaría. A Vicepresidencia da Deputación anuncia que colabora un ano máis coa programación “achegando un espectáculo para público infantil -de Pulpiño Viascón- e música tradicional  -con Dambara -, que contribuirán ao carácter popular e familiar da romaría a carón da ermida de San Gonzalo”.

Iria Castro destacou “o traballo da Asociación Cívico Cultural Bispo Santo para dar continuidade a unha celebración secular na que se expresa o sentimento de comunidade e de pertenza da veciñanza de Foz e que reflexa a importancia histórica da basílica de San Martiño” e lembrou “o papel do tecido asociativo no mantemento das tradicións e da cultura, que son parte esencial da nosa identidade".

A romaría do Bispo Santo “lembra a figura do bispo Gonzalo (s. XI), a quen a lenda popular atribúe a defensa de Britonia fronte ás invasións normandas. Segundo o mito, desde o monte da Grela, onde se refuxiou xunto a poboadores da zona, desatou unha tormenta de ondas e vento que fixo naufragar as embarcacións normandas fronte a Foz. A pasada fin de semana, romeiras e romeiros trasladaron a imaxe relixiosa desde a basílica de San Martiño ata a ermida de San Gonzalo, no monte da Grela, onde se concentrará a actividade festiva durante a fin de semana, con comidas populares na zona dos merendeiros, animación musical e verbenas”, remata a Vicepresidencia da Deputación.