Foz convértese no epicentro do kickboxing galego cunha nova edición do evento ARENKA VII, que será este sábado, 14 de novembro

Foz prepárase para vivir unha nova edición de ARENKA VII, un evento que este sábado, día 14 de novembro, reunirá “deporte, espectáculo e convivencia arredor do kickboxing e do K1, consolidándose como unha das citas destacadas desta disciplina na provincia de Lugo”, anuncia o Concello de Foz, que explica: “nesta edición disputaranse un total de 13 combates, nos que 13 deportistas representarán ao club Ari Foz, demostrando o traballo, a dedicación e o esforzo que hai detrás de cada preparación. Ademais estarán en xogo tres cinturóns ARENKA, que terán como protagonistas a Rodrigo, Javi e Alberto, este último recentemente chegado dun Mundial, o que engade un atractivo especial á velada. Os deportistas visitantes chegarán de diferentes puntos de Galicia, entre eles Ourense, Vigo, A Coruña e Pontevedra, convertendo Foz nun punto de encontro para clubs e afeccionados deste deporte”.

O Concello de Foz engade que “a velada dará comezo ás 19:00 horas, coa apertura de portas prevista para as 18:30. A resposta do público está a ser moi positiva: as 250 entradas de ring xa están completamente esgotadas, mentres que continúan á venda as entradas de grada, cun aforo de 300, que se poden adquirir na Casa de Xuventude de Foz ou no mesmo evento, das que xa se rexistraron as primeiras vendas. Como novidade especial deste ano, Arenka VII irá máis alá do deporte e contará cunha proposta de ocio e gastronomía para prolongar a xornada. Ao rematar os combates a festa continuará nunha carpa con DJs e coa proposta gastronómica Vamos al Grano, onde os asistentes poderán desfrutar dunha ración de arroz. Os tickets para o arroz terán un prezo de 15 euros, con consumición incluída, e poderán adquirirse tanto anticipadamente como no propio evento, servíndose ao rematar a velada na carpa. Ademais aquelas persoas que non poidan asistir aos combates pero queiran participar na festa posterior tamén disporán de entradas independentes para a carpa, cun prezo de 10 euros”.