
A sétima edición do proxecto de intercambio cultural Camiño Escena Norte, que se presentou na Praza do Obradoiro (Santiago), achegará espectáculos de danza, teatro e circo a dez localidades de Galicia, entre elas Foz e Ribadeo, os días 13 de setembro e 26 de outubro respectivamente. A programación, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), presentará pezas para públicos de todas as idades de compañías orixinarias de Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, territorio que se incorpora á iniciativa neste 2025.
Baixo o lema Sementar, coidar, xermolar, a sétima edición de CEN achegará até distintos escenarios e públicos os traballos de compañías que forman parte deste programa de intercambio, no que Galicia tamén exportará o seu talento aos demais territorios a través de Pérez & Fernández, Grupo Chévere e Paula Quintas Cía.
Trátase dunha programación itinerante de artes escénicas de corte xeralista na que prevalece a diversidade de linguaxes, estéticas e formatos, tanto para público infantil e adolescente coma adulto; producións de teatro de texto, novo circo, danza e artes do movemento, creación contemporánea, espectáculos didácticos e experiencias site-specific.
O día 13 de setembro, sábado, ás 20:00 horas será en Foz, concretamente na Praza Conde de Fontao (en caso de choiva, Sala Bahía). Representarase Globe Story, a cargo de de El perro azul (A Rioxa). Teatro para todos os públicos, con entrada libre ata completar capacidade.
E o 26 de outubro, domingo, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval, de Ribadeo, terá lugar o espectáculo Postales rotas, de Zig Zag Danza (Asturias). Danza para todos os públicos. A venda de entradas, a un prezo de 3 euros, farase desde 30 minutos antes da función na billeteira do auditorio.
Camiño Escena Norte nace no 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como fío condutor os roteiros históricos do Camiño de Santiago do norte da Península Ibérica. Ao longo destes sete anos, Camiño Escena Norte levou o teatro, a danza e artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Desde este 2025, tamén chegará a un novo territorio: A Rioxa.
CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas ESCENA GALEGA (Galicia), ESCENASTURIAS (Asturias), ACEPAE (Cantabria), ESKENA (Euskadi), ESNA (Navarra) e AESCENA (A Rioxa). Todas elas, unidas, conforman a supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción do proxecto.
CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das seis comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra, Gobierno de La Rioja e Ministerio de Cultura. Colabora tamén a Deputación Provincial de Lugo e Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial; nun ano no que se incorpora Deleite. Ademais, CEN conta nesta edición coa colaboración especial da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.