Foz, Ribadeo e Cervo acollerán en novembro un programa formativo para o sector turístico da Mariña

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense mantivo este mércores en Mondoñedo unha reunión de traballo coas empresas adheridas ao programa de Sostibilidade, Intelixencia e Calidade Turística no Ecosistema do Destino (SICTED). O encontro serviu “para revisar o traballo realizado no que vai de ano, compartir impresións arredor dos fitos máis salientables e plantexar novas accións que repercutan no beneficio das entidades adheridas. No decurso da xuntanza informouse ao sector sobre o programa formativo para o sector turístico da Mariña que se desenvolverá nas vindeiras semanas no marco dos convenios asinados coa Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo baixo o título Empresas turísticas más rendibles, sostibles e innovadoras. Esta acción, totalmente gratuíta, é unha formación de carácter práctico orientada a facilitar a súa implantación no negocio. As tres xornadas previstas combinarán explicacións concisas, exemplos aplicados ao sector e exercicios guiados, co obxectivo de facilitar a transferencia do coñecemento ás necesidades reais e concretas de cada modelo de empresa”, explica a Mancomunidade. A inscrición debe facerse a través da web: https://docs.google.com/.../1FAIpQLSdpJjL2H5bs2N.../viewform.

 

O martes 3 novembro de 10 a 14 horas na Aula CEMIT de Foz impartirase a charla titulada Intelixencia artificial aplicada ao turismo, con José Alcañiz, fundador e director xerente de Esterea Comunicación Digital. O obxectivo é “coñecer ferramentas que permitan aforrar tempo, mellorar a comunicación e as vendas ou analizar información útil para a xestión empresarial, sen perder a autenticidade e a identidade propias de cada negocio”.

O xoves 12 de novembro de 10 a 14 horas no Hotel O Cabazo (Ribadeo) o tema será Sostibilidade que multiplica: rendibilidade e impacto positivo na empresa turística, a cargo de Claudia Rodríguez, co-fundadora de Alén. O obxectivo é “mellorar a rendibilidade dos servizos mediante unha xestión máis eficiente dos recursos; a incorporación de prácticas sostibles e de economía circular; e a creación de novas oportunidades de negocio que reforcen a súa competitividade e o valor da economía local”.

E o mércores 18 novembro de 10 a 14 horas na Antiga Carboeira do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos (Cervo) María Traveso e Vero Rodríguez, socias en Promove Consultoría e formación, falarán de  Turismo Slow: deseñar experiencias con identidade. O obxectivo é “aprender a transformar os recursos propios e os do territorio en propostas atractivas para os visitantes, incorporando os valores do Turismo Slow e explorando posibilidades de colaboración con outras empresas”.

O SICTED na Mariña, que é totalmente gratuíto para as empresas, desenvólvese ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, e “ten como obxecto principal sumar esforzos dos diferentes axentes e empresas que participan no sector turístico da Mariña, para traballar conxuntamente pola calidade, un turismo responsable e a mellora do destino. Este sistema permite introducir ferramentas de xestión de utilidade para os negocios, contribuíndo á mellora da calidade dos seus servizos; mellorar a coordinación e o traballo en equipo para xuntar esforzos a nivel global de destino; sensibilizar sobre a importancia da mellora continua; analizar a percepción de calidade de usuarios e visitantes; aportar valor ás empresas; e introducir a variable ambiental e social na xestión na súa xestión. Este ano, ademais, o SICTED, promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR) co apoio da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), trae interesantes novidades. Logo de 25 anos de traxectoria, renóvase para adaptarse á evolución do sector turístico e aos novos retos do modelo turístico español. O programa pasa a definirse como Sostibilidade, Intelixencia e Calidade Turística no Ecosistema do Destino, avanzando cara a un modelo de turismo máis responsable que integra a calidade coa sostibilidade e co uso de ferramentas tecnolóxicas avanzadas”, explica a Mancomunidade da Mariña.