A gastronomía protagoniza as actividades do oitavo Festival de Jazz e Blues de Ribadeo programadas para esta fin de semana. Haberá demostracións de elaboración de comidas e de bebidas o sábado e o domingo na carpa instalada no parque de San Francisco e cea concerto o sábado no restaurante El Oviedo.
Este sábado, 3 de decembro, desenvolveranse dúas actividades gastronómicas: ás 19:30 horas un showcooking a cargo do cociñeiro, comunicador e divulgador Lucas Requejo, que preparará pratos elaborados con alimentos da provincia lucense integrados na plataforma Son de Lugo e ofrecerá unha degustación nunha carpa instalada no parque de San Francisco, dentro da iniciativa denominada Jazztronomía, con acceso gratuíto; e ás 21:30 horas terá lugar unha cea concerto no restaurante El Oviedo, na que actuará a cantante Carmen Rey, que estudou no Conservatorio Superior da Coruña, onde se formou en piano, harmonía, violín e técnica vocal. Complementou os seus estudos na Escola de Música Creativa de Madrid. Comezou a súa carreira como vocalista de jazz en 1992 co Nani García Trío. Formou parte da Old Dixie Jazz Band ou Xío, ademais de compartir escenario con grandes nomes como Brian Trainor, Jorge Pardo, Perico Sambeat ou Jeff Jerolamon e colaborou con Xosé Manuel Budiño.
A seguinte actividade do festival será o domingo, día 4, ás 12:30 horas na carpa instalada no parque de San Francisco. Como segunda parte da iniciativa Jazztronomía, Lucas Requejo ofrecerá unha experiencia gastronómica de preparación de bebidas denominada Beberaxes Blues, actividade que é de acceso libre e gratuíto.
Ademais este venres, 2 de decembro, no auditorio Hernán Naval ás 20:30 horas actuará a orquestra de jazz que crearon Pablo Castanho e Marcos Pin en Compostela no ano 2017 e da que forman parte outros 15 músicos. Tanto Pablo como Marcos concluíron os seus estudos de música no estranxeiro, en Nova Iorque (New School) e en Holanda (Royal Conservatorium) respectivamente; e é aí onde descobren a importancia que ten a formación máis glamurosa do jazz, a big band, para o desenvolvemento musical dun intérprete neste estilo. Así mesmo tanto Pablo como Marcos son prolíficos compositores e a orquestra interpreta temas clásicos do jazz e na súa maioría composicións e arranxos
orixinais, o cal describe á formación como única.
Xa a vindeira semana, o martes 6 chegará o concerto de Los Deltonos no auditorio municipal ás 20:00 horas. Los Deltonos é un grupo cántabro formado en 1986 que comezou sendo un trío, con Hendrik Röver como único guitarrista, ademais de baixo e batería. Tras varios cambios na formación só Röver segue no grupo desde a súa fundación. Desde a gravación do disco Sólido son catro os compoñentes, coa incorporación de Macaya como guitarrista. Nos seus comezos consideróuselles un grupo de rhythm and blues pero foron cambiando con cada novo traballo, incorporando sons próximos ao funk, ao power pop, e nos seus últimos discos, sobre todo en GT e Buenos tiempos, sons sureños, con máis presenza de guitarras acústicas ou a steel guitar, pero mantendo sempre un son propio e característico marcado polo estilo persoal e virtuoso á guitarra de Hendrik e as letras en castelán das súas composicións propias.
A seguinte actuación programada será o xoves 8, tamén no auditorio Hernán Naval, ás 20:00 horas. Correrá a cargo dos cubanos Trío Mejunje, que está formado por tres dos músicos máis importantes de Santa Clara: A. Bringez, M. Olivera e Reinier El Negrón. Actualmente residen en España e levan tocando xuntos máis de 15 anos en múltiples proxectos, nacionais e internacionais, pero esta é a primeira vez que se xuntan como trío para levarnos por unha viaxe de cores musicais, enerxía, baile e improvisación, presentando o seu novo disco: Mejunje . Nomeados aos Grammy latinos en varias ocasións, cada un deles é líder nos seus propios proxectos e tocaron nos máis prestixiosos festivais de jazz, tanto nacionais como internacionais: North Sexa Jazz Festival, Montreux Jazz Festival, Jazz in Marciac, Blue Note NY, Blue Note Tokyo, Festival de Jazz de Barcelona, Festival de Jazz de Madrid, Festival de Jazz de Vitoria, Jazz a Vienne, entre outros moitos. En homenaxe á súa cidade natal escolleron o nome dun mítico centro cultural, Mejunje, para identificar a súa arte, que é unha mestura de múltiples cores sonoras, entre jazz, música clásica, afrocubana e caribeña.
O venres 9 ás 20:30 horas no auditorio municipal actuarán os estadounidenses Gisele Jackson & de The Shu Shu´s. Este concerto é o único en España da xira europea na que están actualmente. Cando a moza Gisele Jackson era unha estudante de primeiro ano na Universidade de Howard xa se atopaba sobre os escenarios de Washington DC coa súa primeira banda de soul clásica. Antes de facer de Brooklyn o seu fogar, Gisele realizou unha xira con Ray Charles no apoxeo da súa carreira e a partir de entón tamén acompañou a lendas como a inigualable Donna Summer ou o seu “padriño” James Brown. Na súa carreira xirou por máis de 18 países en América do Norte, Asia, Europa e África. Actuou en solitario nos principais clubs de jazz de USA; teloneou a artistas da talla de Tito Puente, Bette Midler, The Commodores, B-52 e unha gran cantidade de xigantes da música. Chegou a actuar nas estreas e cerimonias de premios de Hollywood e apareceu na gran pantalla cantando na película First Wives Club. Cantou na toma de presidencia de Bill Clinton e a revista Billboard elevouna á categoría de diva por mor do seu gran éxito mundial: o clásico de baile Love Commandments. Ese mesmo día no Parador de Turismo haberá cea concerto, na que actuará Matabuena Trío, formado pola cantante Mónica Matabuena e os asturianos Marco Martínez á guitarra e Arturo Valero ao contrabaixo.
E o festival rematará o domingo 11 co concerto dos franceses Red Beans & Pepper Sauce. Será no auditorio Hernán Naval ás 20:00 horas. Red Beans & Pepper Sauce fundouse en 2010 ao redor da cantante Jessyka Aké no sur de Francia. A emisión dunha das súas cancións na radio dáos a coñecer en todo o país. Esta banda de blues e soul oriéntase en lendas musicais como Jimi Hendrix e Lenny Kravitz. Teñen cinco albumes, galardóns do Festival de Blues de Cahors e dos premios French Blues Challenge, entre outros, e grandes críticas do seu último álbum nas revistas Rolling Stone Magazine, Blues Magazine , Rock & Folk e Le Parisien.
As entradas para as actuacións que terán lugar no auditorio municipal Hernán Naval están á venda na web gameroverpro.es.