
O Concello anima á veciñanza a achegarse á III Mostra de Cantareiras/os de Cervo, unha cita coa música tradicional e a cultura popular que terá lugar este sábado, 28 de novembro, ás 18:30 horas, no salón de actos do Concello.
A proposta foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, xunto con representantes da Asociación Cultural Airiños do Xunco e do grupo Cordenaria, nun encontro no que se deu a coñecer esta nova edición, organizada por Airiños do Xunco e que conta coa colaboración do Concello de Cervo, que anuncia: “a mostra contará coa participación de tres agrupacións: As Ferriñas, procedentes do Vicedo; Son d'aquí, da Coruña; e Cordenaria, o grupo anfitrión de Cervo, que compartirán escenario nunha tarde dedicada ao canto tradicional e á posta en valor da nosa música e das nosas raíces”.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou a importancia de apoiar este tipo de iniciativas que contribúen a manter viva a cultura popular e a transmitir o noso patrimonio ás novas xeracións: “é unha alegría que Cervo siga contando con propostas coma esta, que nos permiten gozar das nosas tradicións, reunir diferentes agrupacións e poñer en valor o traballo das persoas que, co seu compromiso e dedicación, manteñen viva a música tradicional”.
O Concello de Cervo agradece o labor da Asociación Cultural Airiños do Xunco e de todas as persoas implicadas na organización, ao tempo que convida “a toda a veciñanza a participar e desfrutar desta terceira edición, que promete ser unha boa oportunidade para compartir música, tradición e convivencia”.


