As III Xornadas Etnográficas da Mariña celebraranse en Barreiros do 30 de maio ao 1 de xuño

Barreiros acollerá desde o día 30 de maio ata o 1 de xuño a terceira edición das Xornadas Etnográficas da Mariña, organizadas pola asociación Tecedeira coa colaboración do Concello de Barreiros e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Mocidade.

Na presentación, celebrada no Concello de Barreiros, participaron a alcaldesa, Ana Ermida; o concelleiro de Dinamización e deputado provincial, Dani García, xunto con Xacobo Ares e Sara García, membros da asociación Tecedeira.

“Entre as primeiras confirmacións que podemos adiantar destacan a de Xabier Díaz e a de Lagharteiras. Tamén podemos confirmar o concerto audiovisual Traspielas de Su Garrido Pombo, que servirá como antesala das xornadas e que terá lugar o vindeiro 16 de maio na Praza do Concello con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao cancioneiro popular”, anuncia o Concello de Barreiros, que engade: “será un encontro único, no que primará a celebración da cultura tradicional da Mariña e do conxunto de Galicia”.