
A actriz Isabel Risco representará a comedia Nabiza Girl no municipio de Barreiros, concretamente nos Colexios Vellos de San Miguel, este sábado, día 20 de decembro, ás 19:00 horas. A entrada é de balde.
Esta actividade está organizada polo Concello de Barreiros, que anuncia: “este sábado, 20 de decembro, despedimos a programación de teatro deste último trimestre do ano cunha cita moi especial en Barreiros. Chega Isabel Risco coa súa icónica Nabiza Girl, un espectáculo cheo de humor, retranca e identidade galega: Pensabades que morrera, pero estaba de parranda! A máis importante superheroína galega está de volta, máis poderosa ca nunca, superando adversidades e aturuxando dende o cumio do Pindo. Nesta nova aventura, Nabiza Girl chega acompañada do seu fiel escudeiro Don Galizo para loitar contra as inxustizas e os problemas que asolagan a nosa terra. Isabel Risco e Alberte Bello achégannos unha comedia valente, destemida e arriscada, chea de sorpresas, cunha forte carga de feminismo, reivindicación do galego e defensa do noso medio, pero, sobre todo, cargada de gargalladas e bo humor”.


