Lionel Rexes presentará a súa novela "A raíña das velutinas" o 2 de decembro en Mondoñedo e o 9 no Valadouro.

A novela A raíña das velutinas de Lionel Rexes será presentada en Mondoñedo o 2 de decembro. O acto terá lugar na Casa da Penela en Vilamor, ás 19:00 horas. Precisamente a narración xurdiu nese establecemento de turismo rural.

Tras a presentación celebrarase unha cea no mesmo local, para a que é preciso anotarse, e pode facerse no teléfono 645 97 18 77. O prezo da cea é 20 euros e a data límite para a inscrición o luns 27 de novembro.

O acto de presentación estará amenizado polo cantautor Miro Casabella e polo músico e escritor mindoniense Fran Bouso. A mesa de presentación estará formada, amais de polo propio autor, por Xulio Rodríguez Leiras -activista cultural mindoniense-, Fernanda Cedrón Trigo –neta do mítico guerrilleiro mariñao O Gardarríos-, e Bernardo Penabade –profesor de lingua galega que elaborou unha unidade didáctica sobre a novela-.

A novela será presentada posteriormente en O Valadouro, concretamente o 9 de decembro, ás 20:00 horas na Casa da Cultura Manuel Lourenzo de Ferreira do Valadouro.
Nesta presentación acompañarán ao autor Bernardo Penabade e Armando Requeixo, crítico literario vinculado profesionalmente ao Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades.