
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e o concelleiro de Deportes, Ángel Fernández Neira, participaron na presentación da 44 edición da histórica proba de piragüismo Travesía Ría de Foz, organizada polo Club Kayak de Foz, en colaboración coa Federación Galega de Piragüismo e o Concello de Foz. Disputarase este domingo, 23 de agosto, ás 12:30 horas.
O rexedor municipal destaca “o traballo e esforzo do Clube Kayak de Foz e do seu presidente Nacho Romillo por dar continuidade a unha proba con tanta tradición, pero especialmente por formar a tantas rapazas e rapaces nun deporte do que saíron campións que levaron o nome de Foz por toda Europa” que ademais explica que “o Concello de Foz colabora co Club Kayak cunha subvención de 7.000 euros para gastos de funcionamento do club e outros 7.000 euros para a organización desta travesía, que xa vai pola 44 edición. Queremos seguir potenciando un deporte tan vinculado á nosa ría: grazas ao traballo e esforzo do club e do seu presidente Nacho Romillo forxáronse piragüistas do máis alto nivel. A travesía tampouco sería posible sen a colaboración da Federación Galega de Piragüismo, da achega de Vicepresidencia da Deputación, do traballo indispensable de A Ribeira de Foz e do bo facer de Protección Civil e dos profesionais de salvamento do Concello de Foz”.
A proba desenvolverase este domingo, 23 de agosto, con saída ás 12.30 horas e mantendo seu percorrido habitual augas arriba cara á Espiñeira; a entrega de premios levarase a cabo na explanada portuaria fronte ás pistas de seguridade viaria. Nesta 44 edición participan 26 clubs de Galicia e Asturias e máis de 200 piragüistas.
Na presentación tamén participou o deputado provincial Daniel García, que felicitou ao Club Kayak Foz “pola organización dunha nova edición desta cita histórica que demostra a tradición dos deportes de auga na Mariña e na provincia e a tenacidade da xente do piragüismo de Foz que mantivo esta proba ao longo deste tempo”.
A Vicepresidencia da Deputación achega 7.000 euros á celebración da proba, reforzando o apoio aos clubs de piragüismo da provincia con axudas directas para a actividade competitiva ou a organización a da Copa Deputación de Piragüismo.


