A Mancomunidade da Mariña distribúe a figura que homenaxea ás carolas ou canouras, pioneiras do turismo na comarca

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentou este mércores a proposta que levou a Fitur 2026 A Mariña, unha viaxe á identidade. Fíxoo ante autoridades, Concellos, un numeroso grupo de colaboradores do sector privado local e oficinas de turismo, nun acto que tivo lugar no salón de actos do IES de Foz, que rendeu unha homenaxe no propio territorio ás carolas. Así mesmo, fixo entrega dos diplomas do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino na Mariña (SICTED) da Mariña aos servizos que renovaron a súa distinción neste proxecto.

Co acto desenvolvido esta mediodía en Foz a Mancomunidade de Concellos da Mariña quixo explicar no territorio o traballo que está a desenvolver para a promoción turística deste destino.

Este mércores a figura de Sargadelos coa que se rende unha homenaxe ás carolas ou canouras, consideradas pioneiras da actividade turística na Mariña, foi presentada no territorio. “Esta proposta quere poñer en valor a aquelas mulleres labregas que, a finais do século XIX e sobre todo no século XX, chegaban acompañadas pola familia e as veciñas ata a costa da Mariña procedentes das zonas do interior da comarca e da provincia de Lugo para tomar os chamados baños de mar”, explicou a presidenta da Mancomunidade, Rocío López, na súa intervención.

A peza, que quere sintetizar a identidade do destino, representará á Mariña “cando desde a Mancomunidade, por exemplo, teñamos que realizar algún agasallo institucional. Tamén os 16 concellos recibirán un número delas para que poidan facer o mesmo; e así mesmo atopámonos estudando xunto con Sargadelos a súa posible comercialización para que o nome da Mariña chegue a través dela o máis lonxe posible”, subliñou López.

Esta homenaxe forma parte da estratexia que vén desenvolvendo a Mancomunidade nos últimos anos ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística cofinanciado pola propia Mancomunidade - co apoio da Deputación de Lugo -, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo e que afonda na identidade do territorio a través dos seus valores, das súas tradicións e das súas xentes. Durante o acto, a presidenta da Mancomunidade, Rocío López, tivo palabras de agradecemento “para todas aquelas persoas que traballan para a recuperación desta figura, investigando e divulgando a través de colaboracións, conferencias, publicacións, programas turísticos e culturais, visitas guiadas e mesmo retomando a tradición en setembro de regalarse 9 sanadores baños de mar”.

Nesta liña, a presidenta da Mancomunidade lembrou que nos últimos anos desenvolvéronse diferentes proxectos “cos que construír un destino integrado, sostible e atractivo, para ampliar a temporada turística e para atraer novos segmentos”. Trátase, tal como afirmou, “dunha aposta por un modelo que respecta e protexe o patrimonio da Mariña, que aporta valor á sociedade e que pensa nas persoas”. Para Rocío López non hai dúbida: “hoxe amosamos ao mundo unha marca turística sólida, que se abre camiño entre outros grandes destinos”. Así lembrou que a construción deste modelo turístico sostible descansa en iniciativas como os Plans e Obradoiros con Corazón, que achegan a diversidade do territorio a través dos guías e artesáns locais; a implantación do SICTED, que impulsa a calidade turística nos destinos a través dos seus produtos e servizos; a promoción do turismo ornitolóxico e o xeoturismo, con programas de formación, material divulgativo e o I Encontro NatureWatch A Mariña; o I Foro de Turismo e Sostibilidade, que puxo á Mariña no foco do debate sobre o turismo sostible da man de expertos internacionais; a creación do Colectivo de Gastronomía da Mariña, para dar valor ao sector; ou o mantemento da rede de aloxamentos Turismo Slow Norte de Galicia, que aglutina a empresas especialmente sensibles cun modelo de xestión sostible. Neste punto quixo lembrar ás institucións e ás persoas que creron que un turismo sostible é posible na Mariña e que, co seu traballo, contribuíron para avanzar cara ese modelo de futuro.

Concellos e profesionais do sector tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man os proxectos que se veñen desenvolvendo na Mariña nos últimos anos no marco dos convenios anuais coa Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo e máis salientablemente do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense ferramenta impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo, así como as novas propostas, coas que se da un paso máis na posta en valor do territorio.

Durante o acto fíxose entrega dos diplomas do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino na Mariña (SICTED) da Mariña aos servizos que renovaron a súa distinción neste proxecto que botou a andar da man da Mancomunidade no 2023 no marco do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña cofinanciado pola propia Mancomunidade - co apoio da Deputación de Lugo -, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

A vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida, subliñou que “a Mancomunidade impulsa este sistema co obxectivo de establecer un programa de boas prácticas para mellorar a calidade turística do destino e a colaboración público – privada”. E engadiu: “renovaron a súa distinción no SICTED da Mariña un total de 26 empresas do sector de aloxamentos, restaurantes, museos, oficinas de turismo e guías de turismo que comezaron fai 3 anos este camiño da man da Mancomunidade. Estes profesionais, xunto con 13 empresas e servizos de aloxamento, restauración, guías de turismo, artesanía, museos e turismo activo acreditadas en 2024, conforman unha rede activa de 39 axentes que traballan pola calidade turística na Mariña, aos que o ente ten previsto poder chegar a 20 novos servizos e empresas neste 2026”.

Os 39 servizos distinguidos polo SICTED da Mariña son:

• RESTAURANTES: El Oviedo, Hotel Restaurante Javier Montero, Taberna Galicia e Augas Santas Cervexería artesanal.

• ALOXAMENTOS: Hotel Albergue Montero, Luzada Glamping Burbujas, Finca Goleta, Hotel Mi Norte, Hotel-apartamento Complexo Alameda, Lumen Place Albergue, Lumen Place Apartamentos, Casa do Mudo, Casona de Labrada, Hotel Restaurante Javier Montero, A Lume Manso, Cabanas da Barcela, Hotel U Viveiro, Hotel Ego, Hostel Áncora Foz, Malates Slow Hotel Boutique Foz, Finca O Bizarro, Hotel Rías Altas, Hotel O Cabazo, Casal de Pelaio.

• GUÍAS: Sra.María Servizos Turísticos-Noela Feal, La Guiateca-Carmen Delia, Rutas Galicia Norte-Boris Vilar, Guía tu día-Ana Pena.

• OFICINAS DE TURISMO: O Vicedo, Ribadeo, A Pontenova, Viveiro, Burela e Lourenzá.

• TURISMO ACTIVO: Bicips.

• MUSEOS: Catedral de Mondoñedo; Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen e Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá.

• ARTESANÍA: Esquina Atlántica, Artesanía do Pasatempo.

No acto interviñeron a presidenta e vicepresidenta da Mancomunidade, Rocío López e Ana Ermida; o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, Javier Arias; a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López; a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; o alcalde do Concello de Foz, Francisco Cajoto; e a directora do IES, Leticia Maseda.

Ao finalizar foi servido un petisco aos asistentes elaborado e presentado polo alumnado de FP de Hostalería do IES de Foz.