A Mariña está presente por primeira vez en Turexpo Salón Turístico de Galicia, que se celebra en Silleda ata o 7 de xuño

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense está presente na feira de turismo TUREXPO Salón Turístico de Galicia 2026, que se celebra desde hoxe e ata o vindeiro 7 de xuño na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda. A entidade participa por primeira vez neste foro turístico, fortemente vinculado ao medio rural e que este ano chega á súa 48ª edición. Trátase dun punto de encontro principal no noroeste peninsular cunha gran capacidade para xerar negocio, interacción e información sobre o sector turístico, tanto a nivel nacional como internacional.

A Mancomunidade está presente cun stand situado no pavillón 2 no que se atenderá a todas as persoas que se acheguen na procura de información sobre o destino. Ademais, o persoal técnico da Mancomunidade aproveitará para establecer sinerxias no obxectivo de consolidar o destino turístico.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, dixo que “no marco desta feira, desde a Mancomunidade buscamos captar a mercados de interese para o destino promovendo estadías principalmente fóra de temporada e vinculadas a súa enorme riqueza cultural e natural, dous valores turísticos claves da Mariña. Asimesmo, a entidade comparte as múltiples posibilidades que ofrecen os seus municipios para o turismo activo, de natureza, aventura e deportivo, sen deixar de lado a gastronomía ou a artesanía, outros dos seus piares básicos”.   

A Mancomunidade de Concellos da Mariña tamén defende en TUREXPO un modelo de turismo integrador, responsable e sostible, no que os visitantes poidan gozar de todos os seus activos turísticos, sempre respectando os recursos dispoñibles. 

Feiras de turismo
A participación da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense en TUREXPO pon de manifesto o compromiso e o esforzo da entidade para ter presenza nos principais puntos de encontro sobre turismo do país, avanzando así na promoción do destino e na xeración de alianzas para a consolidación dun modelo turístico sostible. 

Baixo estas mesmas premisas participou neste mes de xaneiro en FITUR en Madrid, no punto de encontro que move o turismo internacional en España, no que aproveitou para protagonizar un acto de sentido homenaxe ás Carolas; e en novembro de 2025 estivo presente na Feira Internacional de Turismo de Interior INTUR, en Valladolid, na que se concentra un público potencial de gran interese para o xeodestino.

O seu paso por estas feiras de turismo está tendo lugar no marco do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña, cofinanciado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.