
Mondoñedo acollerá desde este venres, día 4, ata o domingo 13 de xullo a 23ª Escola Internacional de Verán organizada pola Unión Internacional da Marioneta (Unima), Federación España e Unima Galicia. Anunciouno a Xunta de Galicia, que apoia esta iniciativa a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.
As actividades foron presentadas na Delegación Territorial de Lugo, coa participación do delegado territorial da Xunta, Javier Arias; a tenente de alcalde de Mondoñedo, Ángeles Rodríguez; e o presidente de Unima Galicia, Ton Arenas.
A Xunta de Galicia explica que “a escola vai dirixida a profesionais e afeccionados á marioneta e inclúe tres cursos a cargo de expertos que son referentes no sector a nivel internacional. Nun deles a especialista en monicreques de luva Paz Tatay achegará os seus coñecementos sobre a técnica, a construción e a manipulación destes elementos. Outro curso centrarase nas ferramentas dramatúrxicas para a posta en escena e estará guiado polo dramaturgo e poeta Alberto Conejero. Pola súa banda, a creadora teatral Rene Baker, especialista en teatro de títeres e obxectos, impartirá a formación Dar vida á metáfora.
A programación desenvolverase principalmente na Casa da Xuventude e no taller da compañía mindoniense Mircromina Títeres. A iniciativa compleméntase con numerosas actividades abertas ao público que se sucederán durante os vindeiros días en distintas localizacións de Mondoñedo, como é o caso do Círculo Recreativo, que acollerá diversos espectáculos. Haberá números de teatro e música e obradoiros de construción de marionetas, de títeres de calcetín e de teatro de sombras, entre outras propostas.