O 13 de xuño terá lugar o tradicional festival de fin de curso da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo

A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebrará o vindeiro sábado, 13 de xuño, no Auditorio Hernán Naval, o seu tradicional Festival de Fin de Curso, unha cita coa que alumnado e profesorado poñerán o broche final ao curso académico cun espectáculo inspirado na música de películas.

O festival desenvolverase en dúas sesións para dar cabida á participación de todo o alumnado. A primeira terá lugar ás 11:30 horas e contará coa actuación do alumnado de Música e Movemento, así como dos grupos máis pequenos da área de danza, que ofrecerán diferentes propostas coreográficas e musicais baseadas en coñecidas bandas sonoras cinematográficas.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, será a quenda das agrupacións instrumentais da escola e do alumnado de maior idade da especialidade de danza. Nesta segunda sesión poderanse escoitar e ver diferentes interpretacións e montaxes inspiradas no universo do cine.

Desde a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo indican que “este festival representa o resultado do traballo realizado ao longo de todo o curso e que permitirá ao público gozar do talento e da evolución artística do alumnado”.

E engaden: “a temática escollida nesta edición, a música de películas, converterá a xornada nunha auténtica viaxe polo cinema a través das súas bandas sonoras máis emblemáticas, nun evento pensado para toda a familia e para celebrar a chegada do remate do curso”.