
O vindeiro venres, 26 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Valadouro, terá lugar a presentación de Catro escritores do Valadouro, o caderno número 17 do SEVA.
O colectivo cultural divulga un traballo sobre a traxectoria literaria dalgúns escritores representativos da comarca do Valadouro, así o caderno número 17 versa sobre semblanzas e obras de Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón e Lionel Rexes.
Lourenzo, Ferreira e Pisón, amais de contar con numerosa obra propia publicada, son coautores de Contos do Valadouro (colección de contos e lendas publicadas en tres edicións diferentes desde 1998 até a actualidade por editoras comerciais), Arqueoloxía do Valadouro (obra sobre o patrimonio arqueolóxico publicada pola Deputación en 2010) e Inventario do Patrimonio Cultural e Histórico Artístico do Valadouro, un compendio único publicado en 2021, tamén pola Deputación.
Pola súa banda Lionel Rexes conta con catro novelas publicadas, todas elas premiadas en diferentes certames de narrativa, do mesmo xeito, participou en varios volumes colectivos de relatos; adoita afirmar sentirse aprendiz da que el chama “Escola literaria do Valadouro”, facendo referencia aos tres autores anteriormente citados.
A portada, como é habitual, foi deseñada polo artista plástico local Xosé Blanco. A presentación correrá a cargo dos membros da Xunta Directiva do SEVA: Eduardo Fdez. Galán (presidente), Juan Luis Pisón (secretario), Marco Candia (tesoureiro) e Xesús Pisón e Lionel Rexes (vogais).
Os socios do colectivo recibirán un exemplar gratis, como é costume, e o resto do público poderá adquirir o seu caderno durante o mesmo acto.


