O 3 de xuño na Libraría Bahía, de Foz, terá lugar un encontro coa escritora Antía Yáñez e coa psiquiatra Iria Veiga.

Este venres, 3 de xuño, ás oito e media da tarde na Libraría Bahía, de Foz, terá lugar un encontro coa escritora Antía Yáñez e a psiquiatra Iria Veiga para falar da novela Non penses nun elefante rosa da escritora burelesa. 

Este encontro celébrase dentro das actividades promovidas pola libraría no marco do club de lectura A carón dos libros e é aberto para todo o público que desexe asistir.

“Na novela de Antía Yáñez  a enfermidade mental é unha das grandes protagonistas encarnada nunha muller que padece un trastorno obsesivo-compulsivo. De aí que, xunto coa autora,  contemos coa psiquiatra Iria Veiga, no diálogo coas dúas pretendemos afondar na novela e tamén na realidade das enfermidades mentais, realidade presente sempre na nosa sociedade pero sistematicamente ignorada ou tratada desde os prexuízos e o estigma e sobre a que a novela de Antía Yáñez ven a poñer o foco e arroxar luz”, explican desde Libraría Bahía.