O artista mariñán David Catá desenvolve a intervención artística no molde do faro de Burela tras gañar o certame MoldeArte

O artista mariñán David Catá resultou gañador do concurso MoldeArte, convocado polo Concello de Burela, co obxectivo de seleccionar unha intervención artística para o molde do faro, no marco do proxecto Burela Alumea - O Espello do Faro. A decisión foi tomada polo xurado reunido o pasado 18 de xullo na Casa do Concello.

O Concello de Burela explica que “a proposta seleccionada, titulada La piel del mar, articula unha intervención que combina memoria, corpo, música, pintura e fotografía, coa intención de crear un espazo simbólico que conecte a comunidade co seu entorno mariñeiro desde unha perspectiva artística e contemporánea. O concurso enmárcase dentro da aposta estratéxica do Concello pola valorización do patrimonio marítimo pesqueiro local, coa intención de converter o molde do faro de Burela  nun novo punto de interese cultural e turístico para a vila, que sirva como ferramenta de interpretación da relación histórica entre dito municipio e o mar”.

“Con esta intervención damos un paso máis na nosa aposta por facer do faro algo máis que unha estrutura arquitectónica; queremos que se converta nun espello da nosa memoria mariñeira”, afirmou a alcaldesa de Burela, Carmela López, que considera “importante apoiar proxectos artísticos que poñan en valor a identidade local e contribúan a construír espazos comúns de expresión e reflexión para a veciñanza”.

O proxecto Burela Alumea - O Espello do Faro conta co financiamento do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal, en colaboración coa Consellería do Mar, a través da xestión do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA).