O Auditorio da Casa da Cultura de Burela acolle representacións teatrais o 9 e o 17 de maio

O Concello de Burela programa este mes de maio, os días 9 e 17, dúas funcións teatrais no Auditorio da Casa da Cultura, dirixidas a diferentes públicos, dentro da súa aposta pola dinamización cultural e o apoio ás artes escénicas.

O venres 9 de maio ás 21:00 horas representarase Tres Vellas na Romaría, unha produción da compañía Excéntricas Producións. O espectáculo está protagonizado por tres recoñecidos nomes da escena galega: Celso Fernández Sanmartín, José Luis Gutiérrez (Guti) e Quico Cadaval. A través da narración oral, os intérpretes mergúllanse na tradición das festas populares galegas, evocando as romarías, as crenzas, os bailes e os encontros sociais da cultura popular. A obra forma parte da evolución dun proxecto anterior, Tres Vellas (polo menos), que percorreu diferentes escenarios de Galicia, Portugal, Castela e León e Cataluña. Nesta nova proposta os narradores recuperan episodios da memoria colectiva ligados ás festas tradicionais e á vida das xeracións anteriores. O prezo da entrada será de 5 euros e poderán adquirirse desde media hora antes da función.

O sábado 17 de maio ás 18:00 horas terá lugar a función infantil e familiar Os Contos do Lobicán, a cargo da compañía Redrum Teatro. Trátase dunha obra de monicreques destinada a público de entre 3 e 8 anos, con texto de Eva Mejuto, que foi galardoada co Premio Barriga Verde 2022 e co Premio María Casares ao Mellor Espectáculo de Monicreques. A montaxe está inspirada nos contos tradicionais e ten como obxectivo fomentar valores como a amizade, a cooperación, o pensamento crítico e o respecto pola natureza. A historia está protagonizada por Lobicán, un animaliño que percorre o bosque e establece unha amizade cunha nena chamada Xiana, nun percorrido que lles permite superar obstáculos e coñecer outras realidades. As entradas estarán á venda desde as 17:30 horas do propio día, cun prezo de 3 euros.