
O auditorio da Casa da Cultura burelá acollerá un concerto, organizado dende a Coral Polifónica de Burela co gallo das Letras Galegas, este domingo, día 11 de maio, ás 19:00 horas. Ademais do grupo anfitrión actuarán as cantareiras de ACM Arume (Burela) e o Coro de Adultos do Conservatorio de Viveiro.
A Coral Polifónica de Burela explica que “a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificada en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Elas foron elixidas como representantes de tantas mulleres anónimas que crearon, conservaron e transmitiron un grande legado, que xa é patrimonio inmaterial do país. Cabe sinalar que as mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura: tense dito que as pandeireteiras son símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade. Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política, como apunta a musicóloga Beatriz Busto. Deste xeito quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre. E é por este motivo polo que nesta ocasión, o grupo de cantareiras de ACM Arume formará parte deste concerto, como xeito de render homenaxe á longa cadea de mulleres que conservaron a nosa tradición ata o presente. Contaremos tamén coa actuación do Coro de Adultos do Conservatorio de Viveiro, que de seguro nos fará disfrutar co seu repertorio”.