
Viveiro acollerá o venres 29 e sábado 30 de maio o 1º Concurso de Miniburguers, unha iniciativa impulsada pola Asociación de Comerciantes do Centro Histórico co obxectivo de “dinamizar a actividade comercial e hostaleira da vila, ofrecendo ao mesmo tempo unha experiencia culinaria diferente e atractiva”.
Nesta edición participarán 7 locais, que elaborarán diferentes miniburguers. Os participantes e as súas propostas son: Muro Restaurante, con Miniburguer de Pulled Pork; Vinoteca Los Leones, coa súa Miniburguer Los Leones, que ten como ingredientes principais carne de porco celta, rulo de cabra e cebola caramelizada; Cornelius presenta a súa CorneBurguer, unha combinación de carne de tenreira, papada, chutney de mango e cebola crocante; La Tortilla Maravilla, coa súa TortiBurguer, coa tortilla de patacas con cebola como gran protagonista; en Casa Pepi poderase degustar unha Miniburguer de Carrilleras; Bar A Zapatería únese á cita cunha Miniburguer caramelizada de tenreira; Mesón A Ría completa a proposta cunha Miniburguer de Porco Celta.
As miniburguers poderanse degustar tanto a mediodía como pola noite, a un prezo de 4 euros, explica o CCHV, que engade: “nun momento no que as hamburguesas se converteron nunha das propostas gastronómicas máis de moda, o Centro Comercial Histórico de Viveiro aposta por trasladar esa tendencia a un formato en miniatura, promovendo unha experiencia de minicociña creativa e de calidade, elaborada polos locais participantes. Ademais serán os propios clientes os que teñan a última palabra, sendo os encargados de elixir a mellor miniburguer do concurso votando na App ViveiroCCH a través dos códigos QR que atoparán nos flyers dos locais participantes. O establecemento gañador recibirá como recoñecemento a Miniburguer Dourada desta primeira edición. Entre todos os votantes sortearemos unha cea para dúas persoas. Deste xeito os clientes converteranse nos grandes protagonistas do concurso, premiando á súa miniburguer favorita e podendo desfrutar tamén dunha experiencia gastronómica para dúas persoas”.
Dende a organización anímase á veciñanza e visitantes a “achegarse ó centro histórico durante estes dous días de concurso e desfrutar dunha proposta única que combina sabor, ocio e comercio de proximidade”.
Pódese consultar toda a información e as bases na web www.viveirocentro.com ou na App ViveiroCCH.


