O Ciclo de Teatro Afeccionado achega as súas funcións a Trabada, Cervo e O Vicedo os días 7 e 8 de novembro

O Ciclo de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, levará novas obras aos concellos de Trabada, Cervo e O Vicedo os días 7 e 8 de novembro.

O grupo teatral do Colectivo Cultural Ollomao representará a obra titulada Dona Clara este sábado, día 7 de novembro, ás 21 horas na Casa da Cultura de Trabada. É para público adulto e a sinopse é a seguinte: “esta obra trata do regreso da multimillonaria Clara Zahanassian á vila da súa infancia, na que os seus veciños viven pobremente e están endebedados, a diferenza das vilas da contorna que si progresaron. Clara parece mostrarse xenerosa e ofrece mil millóns ao seu pobo natal para que solucione os seus problemas, pero cunha condición difícil de cumprir. Clara Zahanassian (o apelido é una combinación de Zacharoff, Onassis e Gulbenkian) non representa a xustiza, nin o plan Marshall, nin menos aínda a apocalipse. Tan só se trata da muller máis rica do mundo que, grazas á súa fortuna, está en condicións de actuar de forma cruel, como unha heroína de traxedia grega, como Medea, por exemplo. Esta é unha obra perversa na que a maldade xorde por todas partes. A tentación é demasiado grande e a pobreza demasiado extrema. Clara, que fuxiu como unha nai solteira, menosprezada e arruinada, regresa sendo unha das mulleres máis ricas do mundo. E a súa sede de vinganza é inquebrantable, como expresa por medio das súas propias palabras: O mundo converteume nunha puta e agora eu converterei ao mundo nun bordel”.

A obra Desequilibrados, do Grupo Humorístico Trípode, será representada este domingo, día 8 de novembro, ás 19 horas no Pavillón Polideportivo de San Román (Cervo). É para todos os públicos e a sinopse é: “O Carballal é unha aldea onde vive moi pouca xente. Todos os seus habitantes son moi particulares, un pouco á súa maneira, mais na súa rareza hai tamén liberdade e felicidade. Desde moi lonxe, desde o espazo exterior, chega unha nave interplanetaria con tripulantes dispostos a recuperar no Carballal o equilibrio perdido e devolver o universo á homoxeneización. Os extraterrestres, encabezados por Andrómedo 13.027, queren que todos os habitantes do Carballal sexan iguais e que abandonen as súas excentricidades e as súas pequenas tolemias. O que non saben os extraterrestres igualadores é que a rebeldía e a diferenza teñen moito poder, pois igualan á maioría dos veciños, aínda que sempre queda unha pegada de tolemia que axuda a recuperar a liberdade”.

E Parápono Teatro representará  A Sala de Xogos este domingo, 8 de novembro, ás 19:30 horas na Casa da Cultura de O Vicedo. É unha obra para maiores de 14 anos con esta sinopse: “Tres mulleres de máis de corenta anos, por diferentes motivos da súa vida, non teñen máis remedio que compartir piso. Para non ter que falar da súa realidade persoal, dedícanse a montar xogos nos que resolven situacións da vida. Son xogos que en si non semellan ser xogos, senón discusións sobre os diferentes situacións persoais. En escena hai un personaxe misterioso, unha especie de dandi, un home de traxe gris e garabata, que porta bastón e un sombreiro de copa de cor vermella, un ser que a si mesmo se denomina “o desexo”. Está en escena, pero as mulleres non se percatan del. Só hai un momento onde senten a súa presenza e o incorporan ao seu xogo”.