O club de billarda Troitas Bravas organiza na Pontenova o III Aberto A Carón da Lúa o 5 de xullo

O club de billarda Troitas Bravas, da Pontenova, organiza o III Aberto A Carón da Lúa. Será na Praza dos Fornos o día 5 de xullo, sábado.

As actividades comezarán ás 16:00 horas cun obradoiro de billarda; ás 17:30 horas haberá Xogos Billardeiros e desde as 22:00 horas terá lugar o Aberto A Carón da Lúa.

Pero non só haberá billarda, anuncian os organizadores, porque ás 20:00 horas “no marco do programa Tradigalu, da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, contaremos ca actuación do Cuarteto Tradicional Illa Pancha. Estes catro artistas agasallarannos co seu mellor repertorio de música tradicional e prometen facernos bailar ata ó esgotamento. Así que, xa sabedes, preparade o voso mellor calzado de baile que imos sacarlle brillo á Praza dos Fornos”. E tamén explican que “@s compañeir@s de A Chocolateira virán a xogar con nós á billarda e amenizar o Aberto cunha magnífica foliada, ca que pretenden facernos bailar ata ó amencer”.