
O Concello de Alfoz pon en marcha unha nova edición do programa ActivaMENTE, unha iniciativa dirixida a pensionistas e persoas maiores de 55 anos que busca promover o envellecemento activo e saudable a través da estimulación cognitiva. As sesións desenvolveranse no Centro Sociocultural de Alfoz todos os xoves ás 10:30 horas a partir do 17 de outubro e a inscrición permanecerá aberta durante todo o ano.
“O programa ofrece un espazo de aprendizaxe, participación e socialización no que se traballan aspectos como a memoria, a atención, a linguaxe, o razoamento ou a orientación, favorecendo así o mantemento das capacidades mentais e o benestar emocional das persoas participantes”, explica o Concello de Alfoz.
A alcaldesa, Efigenia Maseda, salientou que “ActivaMENTE é un dos programas máis valorados polas persoas maiores do noso concello, porque lles permite manterse activas, compartir tempo con outras persoas e, sobre todo, coidar da súa saúde mental e emocional. Desde o Concello seguimos apostando por iniciativas que melloran a calidade de vida da veciñanza e que favorecen o envellecemento activo, tanto no ámbito físico como no cognitivo”.
As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a inscrición no Concello de Alfoz ou chamando ao teléfono 982.55.80.01.