O Concello de Barreiros editou un almanaque de 2026 con fotos cedidas pola veciñanza

Este xoves, día 18 de decembro, comeza o reparto do almanaque do Concello de Barreiros para o ano 2026, que recolle fotografías cedidas pola veciñanza “coas que se quere rememorar a nosa historia como pobo e poñer en valor o esforzo e a tradición de quen nos precedeu. Este ano queremos pechar o 2025, no que a música tradicional tivo un relevante papel tamén no noso concello, coa edición do calendario do 2026 centrado neste tema. Porque un pobo que canta é un pobo que vive, queremos ver un Barreiros vivo e dinámico! E mostrarlle ao mundo que sempre fomos un pobo de artistas”.

O Concello de Barreiros engade: “grazas a todas as persoas que nos cederon fotografías para poder ter na man este calendario. E pedimos desculpas de antemán se quedaron algunhas sen recoller ou utilizar, mais teñen cabida en vindeiras ocasións. Por razóns operativas os calendarios non poderán recollerse ata finalizar o seu reparto por parte do persoal municipal. Unha vez finalizado, se quedades sen el (que pode acontecer por erro ou despiste) ou queredes máis, poderedes recollelos nas dependencias municipais. Avisaremos novamente cando finalice o reparto”.