O Concello de Barreiros organiza unha nova edición da Escola de Familias con actividades o 9 de maio e o 13 de xuño

A Concellería de Igualdade do Concello de Barreiros presenta unha nova edición da Escola de Familias para o ano 2026, “un programa formativo que busca ofrecer ferramentas ás familias para abordar a educación afectivo-sexual e a prevención de violencias desde as idades máis temperás. Esta iniciativa marca un fito na xestión municipal, ao ser o primeiro goberno da historia de Barreiros en organizar espazos educativos para as familias, chegando este ano 2026 á súa quinta edición e afianzándose coma unha das múltiples actividades que se integran no programa +Igualdade Barreiros”. Haberá actividades os días 9 de maio e 13 de xuño.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, destaca que “estas actuacións responden a un compromiso firme do goberno de Barreiros coas políticas de igualdade. Desde a nosa entrada no goberno de Barreiros tivemos claro que a igualdade e a protección das crianzas non podían ser temas secundarios e apostamos por unha programación estable que pon o foco no que realmente importa, educar en liberdade, respecto e seguridade. A Escola de Familias é o reflexo dun concello que quere avanzar e non deixar de lado a formación afectiva da súa veciñanza”.

Pola súa banda, a concelleira de igualdade, Montse Porteiro, incidiu en que “estas xornadas destinadas ás familias con crianzas de 0 a 12 son esenciais para fomentar modelos de convivencia baseados no respecto mutuo e que constitúen un piar fundamental para construír unha sociedade libre de violencias desde a base, dotando ás familias de recursos para falar de afectividade, límites e respecto con naturalidade e proporcionando ferramentas para a detección e a abordaxe de todo tipo de violencias.”

“Coa creación do programa +Igualdade Barreiros no ano 2022 márcase un antes e despois neste eido poñendo ao Concello de Barreiros na vangarda da igualdade, ao constituírse como un programa innovador que aglutina, afianza e pon a Barreiros no mapa das políticas igualitarias. Desde a aprobación do plan de igualdade para o cadro de persoal, primeiro concello na provincia en elaboralo e aprobalo en pleno, ata as escolas de familias sucesivas, a formación continuada das persoas traballadoras da Escola Municipal Infantil, a elaboración dun protocolo de acoso para o persoal, a oferta en formación en igualdade para o conxunto das persoas traballadoras do Concello, a coparticipación das e dos barreirenses nas actividades organizadas desde a concellería de igualdade, a posta en marcha da mesa interinstitucional para a prevención das violencias ou a inclusión nos temarios de ofertas públicas de emprego de materias de igualdade son algúns dos contidos que se van incluíndo no programa e que pouco a pouco vai medrando e integrándose na vida das persoas de Barreiros”, destaca o Concello, que engade: “nesta quinta edición a Escola de Familias contará coa experiencia de María González Cociña, matrona no Centro M Burela, quen será a encargada de impartir as sesións e guiar ás familias participantes. O programa está deseñado para familias con crianzas de 0 a 12 anos e estrutúrase en dúas xornadas que se desenvolverán no centro sociocultural de San Cosme ás 11:00 horas: o 9 de maio,  Acompañar na educación afectivo-sexual e na prevención de violencias sexuais; e o 13 de xuño, Corpo, límites e respecto: aprendendo a coidarnos”.

Para participar nas sesións formativas, que contan co financiamento dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, as persoas interesadas deberán realizar unha inscrición previa no Concello, sendo a data límite para anotarse o día 6 de maio.

Con este novo ciclo o Concello de Barreiros “segue a dar pasos firmes na consolidación de espazos de reflexión e aprendizaxe colectiva, reafirmando que a educación desde as etapas máis temperás é o camiño máis eficaz para a construción dun futuro en plena igualdade”.