
O venres 24 de outubro o Concello de Burela celebrará a inauguración do Molde do Faro, unha intervención artística e patrimonial que pon en valor a memoria mariñeira e a identidade colectiva da vila.
A estrutura metálica, reparada e instalada no paseo da Marosa, forma parte do proxecto O Espello do Faro, promovido polo Concello de Burela no marco da iniciativa Burela Alumea, que conta co financiamento do FEMPA a través do GALP A Mariña-Ortegal.
O Concello de Burela explica que “o molde, empregado na reparación do Faro de Burela tras o temporal de 2014, converteuse nun elemento simbólico para a veciñanza. Agora, recobra nova vida combinándose coa intervención artística de David Catá, titulada La piel del mar, que transforma o conxunto nun espazo patrimonial onde se entrelazan tradición, arte contemporánea e participación social”.
O acto de inauguración contará coa benvida institucional da alcaldesa de Burela, Carmela López, e do presidente do GALP A Mariña Ortegal, Javier Martínez. A continuación realizarase un percorrido polas actividades do proxecto, seguido dunha performance artística a cargo de David Catá, coa que se inaugurará oficialmente o novo espazo. O evento rematará cunha degustación de produto pesqueiro local, poñendo en valor “a calidade e o saber facer do sector mariñeiro da comarca”.
A inauguración comezará ás 17.00 horas do venres 24 de outubro no paseo da Marosa e está aberta á participación de toda a veciñanza.
O Concello de Burela destaca que “O Espello do Faro preséntase como un símbolo do diálogo entre o pasado e o presente, un espello que une testemuñas materiais e inmateriais de Burela e reflicte a súa esencia mariñeira. No proxecto colaboraron as redeiras Cabo Burela, a Asociación de Encaixeiras, a Asociación A Moncloa e o grupo de participación adolescente, consolidando así unha proposta coral e integradora. Con esta inauguración, Burela consolida un novo espazo de referencia para a veciñanza e visitantes, un punto de encontro entre arte, memoria e comunidade, que reforza a identidade mariñeira da vila e a súa aposta pola creación cultural vinculada ao territorio”.