O Concello de Burela ofrece unha programación deportiva e de lecer para xullo e agosto

O Concello de Burela, a través da delegación de Deportes, desenvolverá durante os meses de xullo e agosto unha programación de actividades deportivas e de lecer dirixida á rapazada e á veciñanza en xeral.

O programa Verán Burela 2026 dará comezo o vindeiro 6 de xullo e prolongarase ata o 28 de agosto. Ao longo deste período realizaranse diferentes actividades, entre elas xogos na praia, rutas de sendeirismo, sesións de happy dance, rutas en bicicleta, actividades de iniciación ao baloncesto e ao surf.

As inscricións poderán realizarse na Casa da Xuventude entre os días 29 de xuño e 2 de xullo, cun prezo de oito euros por actividade e mes. As persoas interesadas tamén poderán consultar a información e descargar a ficha de inscrición a través da páxina web municipal ou solicitar máis información na Casa da Xuventude.

Ademais, o concelleiro de Deportes, Carlos Méndez Pena, explicou que “a Concellería de Deportes organizará outras propostas ao longo do verán, como torneos de fútbol 3x3, fútbol praia, baloncesto 3x3 e vólei praia, así como a Carreira Popular e o Día da Bicicleta”.