
O Concello de Burela pon en marcha dúas novas accións formativas do programa #YoConecto, impulsado pola Fundación Cibervoluntarios en colaboración co Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
“Os cursos, totalmente gratuítos, teñen como obxectivo mellorar as competencias dixitais da veciñanza, fomentar un uso seguro das novas tecnoloxías e reducir a fenda dixital entre xeracións. O primeiro deles, baixo o título Seguridade: protexe o teu mundo dixital, está dirixido a persoas de ata 59 anos e desenvolverase do 24 ao 27 de novembro, en horario de 17:00 a 20:00 horas, na Aula CeMIT do Centro de Formación Ocupacional. O segundo curso, A túa banca dixital: compras seguras en liña, está orientado a persoas a partir dos 60 anos e terá lugar do 1 ao 4 de decembro, tamén en horario de 17:00 a 20:00 horas, na mesma aula”, anuncia o Concello de Burela.
As inscricións para ambos cursos están abertas, podendo realizarse de xeito presencial no Concello de Burela, chamando ao teléfono 982.586.000 ou a través do correo electrónico burela@burela.org.
O tenente da alcaldesa, Mario Pillado, destacou a continuidade destas accións formativas: “os cursos anteriores xa tiveron moi boa acollida e seguen a ser unha ferramenta moi demandada pola veciñanza. Ademais contribúen a fomentar unha cidadanía máis conectada, autónoma e segura no ámbito dixital”, asegurou Pillado.


