O Concello de Burela organiza a I Semana da Infancia do 16 ao 20 de xuño

O Concello de Burela celebrará do 16 ao 20 de xuño a I Semana da Infancia, unha iniciativa que busca poñer no centro da axenda local os dereitos, necesidades e intereses da infancia e a adolescencia. A programación combinará actividades e obradoiros dirixidos ao público infantil e xuvenil en horario de mañá, con propostas para todos os públicos polas tardes.

A actividade estenderase por diferentes espazos da vila, como a Praza do Concello, a Praza de Abastos, o Salón de Conferencias ou os centros educativos.

O Concello de Burela explica que a Semana da Infancia “abordará temas clave como os dereitos da infancia, o bo trato, a igualdade, a diversidade, a saúde física e emocional, e o lecer educativo. Todo iso a través dunha programación variada que inclúe xogos tradicionais interxeracionais, títeres, obradoiros de yoga, contacontos, e charlas divulgativas. Ademais, desenvolveranse actividades paralelas como os torneos de Ping Pong e Uno, a exposición Tan coma Ti, centrada na realidade das persoas con Síndrome de Down, ou o concerto de fin de curso da Escola de Música.

As persoas interesadas en participar nos torneos poden inscribirse ou solicitar máis información a través da Casa da Xuventude, no correo electrónico casaxuventude@burela.org ou chamando ao teléfono 982.58.11.41.

Este evento enmárcase no recente recoñecemento outorgado a Burela por UNICEF como Cidade Amiga da Infancia, un distintivo que destaca o compromiso dos gobernos locais coa promoción dos dereitos da infancia.

“Para nós é un orgullo e unha responsabilidade ter conseguido que o Concello de Burela sexa Cidade Amiga da Infancia, por iso queremos festexalo por todo o alto nesta semana”, explicou Mario Pillado, tenente da alcaldesa, que engadiu: “tomámonos moi en serio o recoñecemento de UNICEF e seguimos traballando coa nosa infancia e adolescencia, sempre da súa man”.