
O Concello de Cervo vén de abrir unha nova edición do programa xuvenil Cervo a carón do voluntariado X, unha iniciativa dirixida á mocidade de entre 16 e 30 anos coa que se pretende “promover a participación activa da xuventude na vida social e cultural do municipio durante os meses de verán”.
A décima edición deste programa “supón xa unha cifra especial e consolídase como unha aposta importante” do Concello de Cervo por “fomentar o voluntariado e a implicación da mocidade nas diferentes iniciativas municipais”.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitou o IES Marqués de Sargadelos para presentarlle o proxecto ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, animándoos a formar parte dunha experiencia “moi enriquecedora tanto a nivel persoal como social”.
Durante o encontro, a rexedora destacou os aspectos positivos deste programa de voluntariado, subliñando que “é unha oportunidade para seguir conectados con iniciativas municipais coas que moitos deles xa medraron”, facendo referencia, entre outros, ao programa Cervo Concilia, no que moitos dos mozos e mozas que hoxe son alumnos do instituto xa desfrutaron durante as súas vacacións cando eran máis pequenos.
Neste senso García Caramés puxo en valor que “agora sexan eles quen poidan colaborar activamente coas novas xeracións, implicándose en actividades destinadas ás crianzas e contribuíndo ao bo desenvolvemento das propostas municipais de verán”.
As persoas voluntarias participarán en diferentes iniciativas organizadas polo Concello e en colaboración con asociacións, especialmente vinculadas ao apoio en programas infantís, actividades culturais e propostas de ocio alternativo. Entre as actividades nas que poderán colaborar figuran Cervo Concilia, as Noites Alternativas, a Biblioteca Municipal e, como novidade este ano, tamén diferentes iniciativas vinculadas á Maruxaina e á representación teatral da Queimada.
O proxecto de Acción Voluntaria prolongarase durante todo o verán, de xeito que cada voluntario ou voluntaria colaborará nas iniciativas propostas un máximo de 60 xornadas e 6 horas en cada unha.
As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a súa inscrición na Casa da Cultura.


