
O Concello de Cervo vén de abrir a convocatoria para un curso de monitor de tempo libre que se enmarca no programa Avívate en Cervo IX, dirixido a mozos e mozas maiores de 18 anos. Desenvolverase entre o 6 de xullo e o 18 de agosto e as prazas son limitadas.
A iniciativa, que será totalmente gratuíta para as persoas participantes, ten como finalidade “ofrecer unha formación especializada que permita ampliar as posibilidades de acceso ao mercado laboral, especialmente no ámbito do lecer educativo e da animación sociocultural”, explica o Concello de Cervo.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou a importancia de seguir promovendo este tipo de accións formativas destinadas á mocidade: “desde o Concello queremos facilitar recursos que axuden aos nosos mozos e mozas a adquirir novas competencias e ferramentas que lles permitan abrir portas no seu futuro profesional”. Así mesmo subliñou que “a formación é un dos mellores investimentos que podemos facer na mocidade e este curso ofrece unha cualificación moi demandada que pode supoñer unha oportunidade para acceder a novas experiencias laborais”.
O Concello de Cervo destaca que o curso “permitirá ao alumnado obter unha titulación oficial homologada e será impartido por profesionais acreditados. A formación combinará unha parte teórica co correspondente período de prácticas obrigatorias, conforme á normativa vixente”.
A alcaldesa tamén quixo poñer en valor o carácter participativo desta proposta, animando á mocidade a inscribirse: “é unha oportunidade para aprender, medrar persoalmente e compartir experiencias con outros mozos e mozas nun contexto dinámico e enriquecedor”.
As persoas interesadas en participar xa poden formalizar a súa inscrición na Casa da Cultura ata o luns 29 de xuño.


