
O Concello de Cervo en colaboración coa asociación Airiños do Xunco celebrará este sábado 18 de outubro ás 19:30 horas un acto no que a Sala das Carboeiras, situada no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, será bautizada como Sala Cultural Xosé Vizoso, en homenaxe ao recoñecido artista e creador, recentemente falecido, “cuxa pegada artística e humana permanecerá para sempre ligada á identidade cervense. Unha idea que partiu da asociación Airiños do Xunco a raíz do falecemento do ilustrador e que desde o Concello se valorou e apoiou desde o primeiro intre. Así como tamén se están a valorar outras propostas presentadas por distintas asociacións e colectivos locais para continuar recoñecendo e poñendo en valor a figura e o legado de Xosé Vizoso no ámbito cultural cervense”, explica o Concello de Cervo.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou durante a presentación do acto, na que estivo acompañada da concelleira Mali Méndez, e de membros de Ariños do Xunco, que “con este nomeamento queremos agradecer e perpetuar o legado de Xosé Vizoso, unha figura que fixo de Cervo a súa inspiración constante. A súa creatividade, xenerosidade e compromiso coa cultura deixaron unha fonda pegada no noso municipio”. Engadiu tamén que “esta sala será pois un espazo vivo no que a arte e o coñecemento seguirán florecendo, mantendo presente o seu espírito”.
Ademais, durante o acto, a agrupación Airiños do Xunco inaugurará unha exposición que reúne os carteis da Queimada Popular, deseñados por Vizoso ao longo de case medio século. “Unha mostra que é un percorrido pola súa obra gráfica vinculada a unha das celebracións máis emblemáticas do municipio, que organiza cada ano con gran dedicación e entrega a asociación Airiños do Xunco, e que está declarada de Interese Turístico Galego”, salienta o Concello de Cervo, que engade: “cabe recordar que antiga Sala das Carboeiras foi completamente renovada e transformada nun espazo multidisciplinar único, aberto á creatividade e á cultura en todas as súas formas. O novo espazo ofrece múltiples opcións para proxeccións, conferencias, exposicións de pintura e escultura, entre outras actividades. Con amplas instalacións e unha atmosfera versátil, ten as condición para ser un perfecto punto de encontro para artistas, profesionais e público en xeral, fomentando a interacción, a inspiración e a difusión da arte e do coñecemento”.
Dende o Concello de Cervo fan un chamamento á veciñanza e ao público en xeral para participar neste acto, que “será tamén un momento de lembranza, recoñecemento e celebración da vida e legado de Xosé Vizoso”.