O Concello de Cervo prepara unha nova edición dos programas de voluntariado para este verán

O Concello de Cervo vén de convocar os  programas Cervo a carón do voluntariado IX -dirixido á mocidade de entre 16 e 30 anos- e Voluntariado Miúdo V, para a rapazada de entre 12 e 15 anos.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse este martes, 3 de xuño, ata o IES Marqués de Sargadelos para explicarlles aos rapaces e rapazas en primeira persoa en que consisten estas iniciativas e o obxectivo xeral do proxecto de voluntariado xuvenil “co que se busca non só fomentar o compromiso e a solidariedade entre a xuventude, senón tamén ofrecerlles un espazo de aprendizaxe práctica, convivencia e responsabilidade social”.

Así este mesmo martes ábrese a convocatoria para todos aqueles mozos e mozas que queiran participar como voluntarios/as nas diferentes actividades previstas durante todo o verán. As persoas interesadas poden recibir máis información e inscribirse na Casa da Cultura.

O proxecto de Acción Voluntaria prolongarase durante todo o verán, de xeito que cada voluntario ou voluntaria colaborará nas iniciativas propostas un máximo de 60 xornadas e 6 horas en cada unha.

A rexedora destacou a importancia deste programa “á hora de dotar de ferramentas á xuventude que lle permita poñer en práctica valores tan importantes como a solidariedade e o compromiso coa sociedade, destacando a importancia de implicar á mocidade na vida do municipio, ofrecéndolles canles de participación activa e experiencias enriquecedoras que lles axuden a medrar persoal e socialmente, como nos comentan os mozos e mozas que xa viviron a experiencia en edicións pasadas”.

Entre as actividades nas que as persoas inscritas desenvolverán o voluntariado están o apoio ás noites alternativas de verán, o apoio no Programa Concilia –dirixido ás crianzas e que se desenvolve durante as vacacións de verán para favorecer a conciliación familiar-, ou a colaboración en diferentes actividades nocturnas de carácter cultural.