O concello de Cervo será o escenario do Trail de Sargadelos este sábado, 26 de xullo

O Concello de Cervo anuncia que “o Conxunto Histórico‑Artístico de Sargadelos acollerá unha carreira de montaña no marco das tradicionais Festas de Sargadelos. O Trail Sargadelos 2025, organizado polo Concello de Cervo e a asociación Amigos da Troula, celebrarase no incomparable marco do Conxunto Histórico‑Artístico de Sargadelos como parte da programación oficial das Festas de Sargadelos 2025. A cita deportiva combinará natureza, historia e esforzo físico nun circuíto que atravesará lugares emblemáticos desta contorna espectacular”.

As modalidades e horarios das probas son as seguintes: andaina, saída ás 9:30 horas; carreiras infantís nas diferentes categorías, a partir das 9:35 horas; e trail absoluto, saída ás 10:15 horas. A recollida de dorsais realizarase de 8:45 a 10:00 h o día da proba. As inscricións están abertas ata o 25 de xullo a través da plataforma www.sportmaniacs.com e a proba forma parte do circuíto de carreiras Duacode Run Foz Run 25.

Desde o Concello de Cervo e Amigos da Troula animan a formalizar a inscrición destacando que “esta proba é unha oportunidade única para gozar dunha experiencia deportiva en contacto coa historia e a natureza de Sargadelos. Queremos que Sargadelos sexa un punto de encontro entre a nosa historia e o presente, un espazo onde celebrar, correr e compartir”.