
O Concello de Foz abre o prazo de preinscrición para o programa de actividades Aberto x Vacacións, que se desenvolverá nos meses de xullo e agosto.
O concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira, anuncia que o Concello de Foz “volta un verán máis co Aberto por Vacacións. Temos programado un verán cheo de diversións con actividades para nenas e nenos nadas/os entre os anos 2014 e 2022. Haberá actividades por todo o pobo e o campamento base será no CEIP O Cantel en horario de 10:30 a 13:30. E para para os que necesiten unha maior conciliación dispoñemos da opción Érguete, con inicio as 09:00 horas”.
A preinscrición realizarase a través do envío do formulario por sede electrónica ou presentando a documentación por rexistro no Concello. Toda a información está dispoñible na web www.concellodefoz.gal e o prazo de preinscrición xa está aberto.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, destaca que “haberá máis actividades, que estamos programando, como o campamento Camp Night, na Obra Pía de Fazouro, que foi novidade o pasado ano. Buscamos que as familias poidan conciliar e as nenas e nenos disfruten do verán, con actividades divertidas e educativas de todo tipo”.


