
O Concello de Foz inaugurará este sábado, día 9 de maio, ás 12 da mañá o mural en homenaxe aos labregos e mariñeiros. Está situado no coñecido como edificio de Telefónica, na bifurcación das rúas Eduardo Pondal e Salvador de Madariaga.
O alcalde, Fran Cajoto, explica que “o deseño, creado polo artista valadourense Xosé Blanco, foi realizado en azulexo á semellanza doutros murais focegos coma o de Rente ao mar ou o das Pescantinas, situados no porto, cunha clara vinculación co seu mentor, Xosé Vizoso, e co mundo de Sargadelos de Isaac Díaz Pardo. A idea é homenaxear aos labregos e mariñeiros, ao Foz do interior e ao do mar, o noso pasado: a orixe do que somos a día de hoxe. E Xosé Blanco inspirouse nun poema de Manuel María do libro Versos Floridos en Louvanza de Foz, publicado en Foz pola librería Bahía. O verso que encabeza o mural está recollido neste poemario”.
No acto intervirán Tono Alonso, musicando poemas de Manuel María; o autor Xosé Blanco; un representante da Fundación Manuel María; así como membros do goberno municipal. Ao peche do evento inaugurarase o mural e interpretarase con gaitas o himno galego.


