O Concello de Foz presenta as festas do Carme, que se celebran do 10 ao 16 de xullo

O Concello de Foz presenta o cartel e o programa das festas do Carme 2026, que serán do 10 ao 16 de xullo, “unha celebración que xunta emoción, traballo unido da veciñanza e festa”.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “as alfombras florais sobre as que pisarán os porteadores da Virxe están sendo deseñadas polos veciños das rúas polas que pasa a procesión, este ano no barrio do Campo da Cabana, pola rúa do Mar e a parte de arriba da praza Rosalía de Castro. Anímamos a veciños e visitantes a achegarse o día 15 pola tarde ao percorrido no que poderán unirse na confección das floridas alfombras; tamén se o desexan poden axudar nos traballos previos de tintado do serrín, corte de flores e realización de debuxos, só teñen que chamar ao 982.140.027 extensión 3 e poñerémolos en contacto coas diferentes cuadrillas das rúas participantes”.

Inés López explica tamén que “o mercado e atraccións de feira abrirán a partir do venres 10 en horario de tarde. Na parroquia a novena dará comezo o día 7. O día 14 será o turno do pregón: ás 20.30 horas, despois da misa de novena cantada por Mar Aberto na igrexa parroquial. Este ano a encargada do pregón será María Nelle Castro Neira, persoa que leva unida á festa do Carme e o mundo do mar desde nena, traballou como redeira e dende os anos oitenta foi membro do coro parroquial e unha das artífices das bonitas alfombras da rúa do Mar”.

O venres 15 darán comezo as verbenas. Finaliza a novena coa misa cantada pola Coral Polifónica de Foz. A verbena dará comezo na explanada portuaria ás 22.30 horas coas orquestras América SL e grupo Origen. Durante toda a tarde e noitiña a confección de alfombras florais no percorrido estará aberta da participación da veciñanza.

O xoves 16 é o día grande do Carme de Foz. A misa será ás 12.00 horas na Praza Conde de Fontao cantada por Mar Aberto. A procesión será a continuación, coa Banda de Música de Foz e na que se realizará a ofrenda aos falecidos no mar. Ás 14.00 horas na explanada portuaria, sesión vermú a cargo de Alianza e pola noite a verbena estará amenizada por Alianza e grupo Kubo.

O concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira, anuncia que “o venres 17 é o Día do Neno e dende a Concellería de Xuventude poñeranse de forma gratuíta inchables e actividades para os rapaces e rapazas na Praza Conde de Fontao a partir das 16.30 horas”.

E o alcalde, Fran Cajoto, destaca que “o Carme é unha festa de unión das familias e amigos de Foz, de pobo, de emoción e de amor polo mar. Este ano o cartaz conmemora ás redeiras e o seu traballo para que os barcos puidesen saír ao mar sempre en punto e tamén a todos aqueles que traballan para facer unhas alfombras tan bonitas coma a que podemos ver nel, na que se representa á virxe do Carme de Foz, na rúa do Mar. Agardamos que todos desfruten destas festas”.