
O Concello de Ribadeo e Acisa animan a participar e a colaborar coa Cabalgata de Reis 2026.
A concelleira ribadense de Comercio e Turismo, Marta Saiz, sinalou que “este ano o Concello é o encargado de organizar a Cabalgata de Reis e desde Oriente chegaron algunhas peticións das Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar. Como todos sabemos, na tarde noite de cada 5 de xaneiro no seu paseo polas rúas de Ribadeo son acompañados por persoas, que voluntariamente axudan coas antorchas ou con outras tarefas propias dos paxes. E nesta ocasión o que nos piden son persoas adultas para converterse en paxes por unhas horas. Así que desde o Concello facemos un chamamento e animamos a veciños e veciñas a implicarse nunha das celebracións máis especiais do ano, como é a Cabalgata de Reis”.
A edil ribadense agradece “a colaboración de todas as persoas voluntarias que están a traballar con nós nas últimas semanas coa maior das ilusións. Con moitos pequenos graniños de area este ano Melchor, Gaspar e Baltasar lucirán dun xeito especial”.
Desde Acisa a súa presidenta, Carmen Cruzado, lembrou: “estamos a colaborar co Concello de Ribadeo nesta cita cunha achega de mil euros por parte da nosa asociación e recollendo aqueles donativos que a título voluntario as empresas queiran aportar, xa sexan asociadas ou non. O obxectivo é sufragar parte dos gastos que suporá a chegada dos Reis Magos de Oriente a esta vila”. E engadiu: “establecemos un donativo voluntario que oscila entre o 30 e os 100 euros para todas as firmas que queiran colaborar e outro de 200 a 500 euros para aquelas empresas que queiran ser patrocinadoras da Cabalgata de Reis. O prazo para confirmar estas achegas está aberto ata o 15 de decembro en Acisa. Ademais aqueles negocios que queiran aportar caramelos para a comitiva tamén pode facelo. As Súas Maxestades estarán encantadas de repartilos no seu percorrido polas rúas de Ribadeo”.
Concello e Acisa animan “a colaborar coa Cabalgata de Reis. Estamos a falar do día máis importante do ano para todas as nenas e os nenos de Ribadeo, e tamén para o noso comercio”.


