O Concello de Trabada abre inscricións para unha nova ruta polo Camiño Norte que será o 19 de abril

O Concello de Trabada abre o prazo de inscrición para unha nova ruta de sendeirismo, que terá lugar o domingo 19 de abril, baixo o título Trabada e o Camiño Norte, organizada en colaboración coa Asociación Paso a Paso.

A actividade consistirá nun percorrido a pé dende a Ría de Abres ata Trabada, seguindo o trazado do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio. A ruta contará cunha distancia aproximada de 10 quilómetros e un nivel de dificultade media, sendo unha proposta accesible para aquelas persoas afeccionadas ao sendeirismo. A saída terá lugar ás 10:00 horas dende a Praza do Concello, e ao finalizar o percorrido celebrarase unha comida no pavillón municipal.

O prezo da inscrición é de 8 euros e poderá realizarse ata o 15 de abril nas oficinas municipais ou a través do teléfono 982.135.011. A organización lembra que será obrigatorio o uso de chaleco reflector durante a actividade.

Dende o Concello de Trabada destacan “a boa acollida que teñen este tipo de iniciativas, que se veñen desenvolvendo dende hai anos, e que permiten á veciñanza e ás persoas visitantes coñecer o territorio, fomentar hábitos saudables e poñer en valor o paso do Camiño de Santiago polo municipio. O goberno local continúa así apostando por unha programación de actividades que combina deporte, natureza e promoción turística, contribuíndo á dinamización do concello”.