O Concello de Trabada continúa cos seus ciclos teatrais coa obra “Sen frores nin coroas” este sábado, 6 de decembro

O Concello de Trabada “consolida a súa aposta pola cultura e polo teatro afeccionado coa continuación dos ciclos teatrais que, como cada primeiro sábado de mes, ofrecen á veciñanza unha proposta escénica de calidade e aberta a todos os públicos”. Este sábado, día 6 de decembro, ás 21:00 horas, o salón de actos da Casa da Cultura acollerá a representación da obra Sen frores nin coroas, a cargo do grupo 57 Palabras, “unha compañía que chega a Trabada cunha peza cargada de humor, retranca e emoción”.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca a importancia de manter unha programación cultural estable no municipio: “estes ciclos teatrais mensuais son unha mostra do noso compromiso coa cultura de proximidade. Queremos que a veciñanza teña acceso a propostas escénicas variadas, de calidade e que contribúan a dinamizar os nosos espazos públicos”, subliñou. Engadiu ademais que “o teatro é unha ferramenta fundamental para fomentar a convivencia, o pensamento crítico e o goce compartido. Por iso seguiremos apostando por manter esta iniciativa ao longo de todo o ano”.

O Concello de Trabada invita a toda a cidadanía a gozar desta nova cita cultural e agradece a colaboración da Deputación de Lugo a través da súa área de Cultura.