O Concello de Trabada organiza unha nova edición do Encontro dos Maiores para o 17 de maio

O Concello de Trabada anuncia que celebrará o domingo 17 de maio unha nova edición do tradicional Encontro dos Maiores, “unha xornada especialmente emotiva que reúne a veciños e veciñas de todas as parroquias do municipio para compartir un día de convivencia e homenaxe. Este encontro, dirixido ás persoas maiores de 65 anos e aos seus cónxuxes, converterase un ano máis nun espazo de recoñecemento á dedicación e ao traballo de toda unha vida, nun ambiente de celebración e unión veciñal”.

A programación dará comezo ás 13:00 horas cunha sesión vermú no pavillón municipal de Trabada, seguida do xantar ás 14:00 horas. A xornada completarase coa entrega de agasallos e baile para todas as persoas asistentes.

Nos vindeiros días as persoas destinatarias recibirán unha carta nos seus fogares coa invitación e información detallada do evento. O prazo de inscrición xa está aberto e poderá realizarse ata o 8 de maio, de forma presencial nas oficinas municipais ou chamando ao teléfono 982.13.50.11 en horario de 09:00 a 14:00 horas.

O Concello de Trabada destaca que asumirá a totalidade dos gastos de organización deste encontro.

O alcalde, Rubén García, destacou: “trátase dun dos días máis especiais do ano, no que temos a oportunidade de reunir aos nosos maiores e agradecerlles todo o que fixeron polo noso concello ao longo da súa vida”.