O Concello de Trabada organiza unha viaxe ao Balneario de Mondariz e a Pontevedra o 13 de decembro

O Concello de Trabada continúa co seu programa de viaxes culturais e de ocio, “unha iniciativa moi ben acollida pola veciñanza”. Nesta ocasión a proposta levará ás persoas participantes ao Balneario de Mondariz e á cidade de Pontevedra o 13 de decembro de 2025.

A actividade, cun prezo de 60 euros por persoa, inclúe: acceso ao Balneario de Mondariz, comida, visita ao Mercadiño de Nadal de Pontevedra e seguro de viaxe. A saída será ás 7:30 horas dende o Concello de Trabada e o regreso está previsto ás 22:30 horas do mesmo día.

O Concello explica que “as prazas son limitadas a un máximo de 30 persoas e poderán participar veciños e veciñas de Trabada maiores de idade. As inscricións poden realizarse nas oficinas municipais ata o 14 de novembro. No caso de quedar prazas dispoñibles poderán sumarse tamén persoas con familiares empadroados no municipio. É preciso levar traxe de baño, toalla, gorro e chanclas para poder gozar das instalacións termais”.

O alcalde de Trabada, Rubén García, subliña que “estas viaxes permiten compartir experiencias, coñecer novos lugares e fortalecer os lazos entre a veciñanza. O éxito das anteriores edicións anímanos a seguir promovendo este tipo de propostas que combinan cultura, descanso e convivencia”.