O Concello de Viveiro asume a organización da Feira das Maulas, que se celebra o segundo domingo de maio

O Concello de Viveiro asumirá este ano a organización da Feira das Maulas “coa vontade de garantir a continuidade dunha celebración de fonda tradición popular no municipio e especialmente vencellada á parroquia de Galdo. A Feira das Maulas celebrarase o segundo domingo do mes de maio e constitúe unha das citas máis recoñecibles do calendario festivo e gandeiro de Viveiro. Trátase dunha feira con máis de 300 anos de historia, que é considerada unha das máis antigas da súa tipoloxía en Galicia e un referente na Mariña. Nos últimos anos a organización da feira correu a cargo de varios colectivos da parroquia e do municipio, o que permitiu manter viva a celebración. Agora o Concello dá un paso adiante para asegurar a súa continuidade e preservar unha cita que forma parte da memoria colectiva de Galdo e de Viveiro”.

Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, sinala que “a Feira das Maulas é unha das celebracións máis antigas e singulares das nosas parroquias, e o Concello ten a responsabilidade de implicarse para garantir que siga formando parte do calendario festivo e tradicional de Viveiro”. A rexedora engade:  “falamos dunha cita con valor histórico, social e tamén de identidade, que merece continuar e seguir sendo un punto de encontro para a veciñanza e para todas as persoas que cada ano se achegan a Galdo”.

O Concello de Viveiro anuncia tamén que  irá dando a coñecer máis información sobre a edición deste ano nas vindeiras semanas, “coa intención de manter o carácter tradicional da feira e reforzar a súa proxección dentro e fóra do municipio”.