O Concello de Viveiro organiza un campamento urbano de verán entre o 6 de xullo e o 28 de agosto no pavillón do CEP Lois Tobío

O prazo de inscrición no Programa Corresponsables Campamento Urbano de Verán de Viveiro 2026 abrirá o  martes 2 de xuño. O último día para presentalas será o venres 12. A actividade desenvolverase entre o 6 de xullo e o 28 de agosto no CEP Lois Tobío.

O Concello de Viveiro anuncia que as bases de selección e o modelo de solicitude estarán a disposición dos interesados no taboleiro de anuncios dixital, na páxina web municipal e nas dependencias do Concello. Os formularios poderán presentarse a través da sede electrónica, aínda que tamén se admitirán solicitudes de xeito presencial no Rexistro municipal, onde se facilitarán os impresos correspondentes.

O campamento está dirixido a nenos e nenas nados entre os anos 2014 e 2022 e desenvolverase de luns a venres, en horario de 8.30 a 14.30 horas, con entrada flexible ata as 10.00 horas.

Ofrécense un total de 120 prazas, co obxectivo de “ofrecer un espazo de lecer durante os meses de verán e, ao mesmo tempo, favorecer a conciliación familiar. Os interesados poderán optar por participar os dous meses completos ou por quincenas”, explica o Concello de Viveiro, que engade: “terán preferencia no proceso de selección os nenos e nenas pertencentes a unidades familiares nas que ambos proxenitores estean traballando. No caso de que o número de solicitudes supere o de prazas dispoñibles por esta vía, realizarase un sorteo para a súa adxudicación”.