O Concello de Viveiro organizará un obradoiro de cine para maiores de 55 anos o 27 de outubro

O Concello de Viveiro organizará o luns 27 de outubro o obradoiro titulado Como se fai unha película?, unha charla práctica pensada especialmente para persoas maiores de 55 anos. Terá lugar ás 18.30 horas na Sala Multiusos. A actividade será impartida por Manolo Gómez, gañador de dous premios Goya á Mellor Película de Animación, por O bosque animado (2002) e O soño dunha noite de San Xoán (2006).

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, explica que “esta proposta busca achegar o mundo do cine dun xeito ameno e participativo, ofrecendo unha experiencia cultural distinta e adaptada a un público que merece novas oportunidades para aprender, compartir e gozar da creatividade”.

Durante a sesión as persoas participantes poderán descubrir como se crea unha película desde dentro, coñecer técnicas básicas de rodaxe e participar nunha actividade práctica guiada por un profesional de recoñecido prestixio.

A entrada é libre ata completar aforo.