O Concello de Xove convoca a quinta edición do concurso escaparates de Nadal “ao obxecto contribuír á promoción do comercio local, promover a creatividade dos establecementos e incentivar que os establecementos comerciais de Xove decoren os seus escaparates con motivos de Nadal de cara ás próximas festas, de maneira que sexan máis atractivos para a veciñanza e clientela á vez que contribúan a crear un especial ambiente festivo na rúa”.
Poderán participar no concurso todos aqueles establecementos situados en Xove e que teñan unha vitrina, independentemente do produto que oferten ao público: locais comerciais, perruquerías, centros estéticos, establecementos de hostalaría, despachos de oficinas, centros formativos, etcétera. A folla de inscrición deberá presentarse no Rexistro de Entrada do Concello de Xove (presencialmente ou en liña: https://xove.sedelectronica.gal) ata o 12 de decembro de 2023 ás 14:00 horas. No suposto de que unha empresa teña varios establecementos, poderá presentar tantas follas de inscrición como escaparates opten ao concurso.
O tema debe gardar relación co Nadal. Os establecementos participantes terán total liberdade en canto á técnica e ao estilo. Os escaparates deberán estar preparados antes das 24:00 horas do día 12 de decembro de 2023. Os establecementos enviarán unha única fotografía do escaparate ao seguinte enderezo: aedl@xove.es antes das 24:00 horas do día 12 de decembro. Se a persoa propietaria do establecemento cre necesario enviar máis dunha foto para a correcta visualización do seu escaparate deberá mandar todas as fotos en forma de collage, enviando así unha única fotografía. Os escaparates deberán estar suficientemente iluminados e en condicións de tal xeito que permitan ser vistos polo público durante toda a campaña de Nadal.
Establécense dous premios: premio xurado e premio popularidade facebook, de 300 euros cada un e que non son acumulables.