O festival Osa do Mar celebrarase en Burela do 5 ao 7 de setembro

O festival Osa da Mar, que organiza a asociación Fanto Fantini, celebrarase en Burela do 5 ao 7 de setembro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na presentación do festival, que conta co apoio do Goberno galego.

A Xunta de Galicia anuncia que “o festival programa unha vintena de actuacións de diferentes estilos musicais, mesturando grupos consolidados con outros emerxentes da escena galega e nacional. Están confirmados artistas como Baiuca, Viva Suecia, Siloé, Marlena ou Grande Osso, entre outros”.

Arias felicitou á asociación cultural Fanto Fantini por “presentar un ano máis un gran cartel, que vén a completar a oferta cultural e turística da comarca da Mariña e contribúe a consolidar a provincia como un dos territorios con máis e mellores festivais de música alternativos”.

O deputado provincial de Mocidade, Daniel García, participou na presentación do cartel do Osa do Mar, de Burela, que se conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, entre outros patrocinadores públicos e privados.

A Vicepresidencia da Deputación explica que “Diego Campo e Marcos Gueimunde, da Asociación Fanto Fantini, debullaron no acto organizado na nave de Produart o programa por días do festival, que reunirá unha vintena de bandas e artistas do panorama galego e estatal”.

Na súa intervención, Daniel García referiuse ao Osa do Mar como “un festival que estivo sempre á vangarda e que é un referente para outros festivais que foron xurdindo ao longo destes anos na provincia” e destacou “a implicación e o compromiso da organización con Burela e coas súas sinais de identidade, que fai que o festival se viva con felicidade
na vila”.

O responsable provincial ratificou “o apoio ao Osa do Mar, co que se colaborou desde a primeira edición” e incidiu na “aposta da Vicepresidencia da Deputación polos festivais que nacen do tecido asociativo e que ofrecen escenarios para bandas galegas e emerxentes, que tiveron un papel chave na puxanza e no recoñecemento actual dos artistas e bandas galegas”.