
Este sábado, día 3 de xaneiro, ás 21:00 horas a Casa da Cultura de Trabada acollerá a representación teatral titulada Ai! Señor, señor,…, a cargo do grupo Adala. Esta actuación enmárcase dentro dos ciclos culturais que o Concello vén desenvolvendo de maneira regular, “apostando polo teatro e pola dinamización cultural no municipio”.
O Concello de Trabada tamén anuncia que “o domingo 4 de xaneiro Trabada vivirá un dos momentos máis agardados polas familias coa celebración da tradicional Cabalgata dos Reis Magos, organizada pola Asociación Cultural O Picato, coa colaboración do Concello. A partir das 16:00 horas os Reis Magos visitarán o CAM, onde se fará entrega de roscóns para os maiores. Ás 17:30 horas dará comezo a cabalgata, cun percorrido desde a Casa da Cultura ata o Pavillón Municipal de Deportes, acompañados polo grupo de gaitas Brisas del Eo. Ao remate, os Reis Magos recibirán aos nenos e nenas, aos que lles entregarán un agasallo. Ademais, haberá chocolate e roscón de Reis para todas as persoas asistentes”.
O Concello de Trabada anima á veciñanza e ás persoas que visiten o municipio a participar nestas actividades, que “combinan cultura, tradición e convivencia, e que contribúen a manter viva a programación cultural e festiva do concello”.


