O pavillón da Veiga, en San Ciprián (Cervo), acollerá este sábado, 26 de xullo, o VI Torneo Maruxaina de tenis de mesa

O pavillón da Veiga, en San Ciprián, será o escenario este sábado, día 26 de xullo, do VI Torneo Maruxaina de tenis de mesa, organizado polo Club Deportivo San Ciprián en colaboración co Concello de Cervo.

A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés; polo coordinador da sección de tenis de Mesa do CD San Ciprián, Fernando Fernández; e polo xogador local Estéfano Berruezo.

O Concello de Cervo anuncia que “a competición contará con medio cento de participantes procedentes de diferentes clubs de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela a Mancha ou Italia. Está previsto que comece ás 10:00 horas e prolongarase durante toda a xornada do sábado. Haberá trofeos para os catro primeiros clasificados.

A alcaldesa apuntou: “é unha grande satisfacción para nós acoller unha vez máis o  Torneo Maruxaina de tenis de Mesa,  da man do Club Deportivo San Ciprián. Este evento xa se consolidou como unha cita deportiva imprescindible no noso calendario local estival, non só polo seu nivel competitivo, senón tamén polo ambiente de convivencia, deporte e participación que promove. Dende o Concello queremos agradecer profundamente o traballo incansable do Club Deportivo San Ciprián, neste caso a través da súa sección de tenis de mesa, que con ilusión e esforzo fai posible que o tenis de mesa teña un espazo destacado na nosa vila. Animamos a toda a veciñanza e visitantes a achegarse este sábado para gozar dunha xornada de deporte no pavillón da Veiga”.